top of page

Si quieres acceder a los contenidos completos y ver más información e imágenes de los peces y cetáceos de la ría, échale un vistazo a nuestra versión para ordenador.

CETÁCEOS

ANIMAIS - VERTEBRADOS - CETÁCEOS

CETÁCEOS

This channel is coming soon!

Os cetáceos son animais mariños perfectamente adaptados á vida acuática, que xorden hai millóns de anos, a partir de animais terrestres que deciden regresar ao mar. Así que, a pesar do seu aspecto de peixe, son mamíferos que transformaron o seu corpo e a súa forma de vida para habitar os océanos. Por un lado, prescindiron de todo canto puidera prexudicalos na auga, perderon o pelo e as extremidades posteriores e desenvolveron internamente estruturas que noutros mamíferos sobresaen, como as orellas, as mamas ou os xenitais. Por outra banda, tiveron que desenvolver elementos que lles permitan adaptarse, polo que transformaron as súas extremidades superiores e o rabo en aletas, o seu corpo adoptou unha forma hidrodinámica alongada e están cubertos por unha grosa capa de graxa para evitar a perda de calor. 

Neste proceso de transformación tamén se debe destacar a evolución dos sentidos. A vista adaptouse con modificacións que lles permiten ver coa mesma claridade dentro e fóra da auga, aínda que isto só é útil nas augas superficiais, onde a luz permite a visión. O sentido do tacto asume roles esenciais, tanto na natación (algúns golfiños teñen unha grande sensibilidade corporal que lles permite nadar de forma máis eficiente, dado que a súa pel transmite os movementos que perciben na auga), como na socialización, sendo o contacto físico un importante estímulo de unión, especialmente entre nais e crías. Mais os maiores avances prodúcense na audición, fundamental baixo a auga porque o son se propaga máis rápido aquí que no aire. En concreto, os odontocetos teñen o sistema de ecolocalización máis desenvolvido do mundo animal, emiten sons e reciben os seus rebotes coa precisión do sonar para localizar todo o que teñen ao redor e para comunicarse. Dispoñen tamén dun sentido extra que favorece a difícil orientación nun ambiente tan complexo e "deserto" como a alta mar, sentido co que perciben as variacións nos campos magnéticos para determinar os puntos cardinais e trazar as súas rutas de migración. 

Aínda que seguen a ter pulmóns, estes están preparados para almacenar unha enorme cantidade de osíxeno, o que, xunto con algunhas especializacións do seu sistema circulatorio, permítelles afrontar as grandes presións submarinas e os converte en fantásticos mergulladores. A diferenza de nós, cando un cetáceo se somerxe baleira parte do aire dos seus pulmóns para evitar a flotabilidade que provocaría. Os seus pulmóns son diferentes dos nosos, cada un está dividido en dúas partes e, mentres que a parte superior acumula a reserva de aire, só a parte inferior, que contraen, recibe o fluxo sanguíneo, reducindo así a absorción de nitróxeno e impedindo a formación das perigosas burbullas que causan as embolias da enfermidade por descompresión. A respiración nos cetáceos é un proceso voluntario, que controlan e dominan. 

 

En relación á súa necesidade de saír á superficie para respirar, hai outras curiosas adaptacións. Por exemplo, a diferenza dos peixes, a aleta caudal está orientada horizontalmente, polo que segue a ser útil cando se desprazan na superficie do mar, xa que se estivese en posición vertical, propulsaríaos moito menos. 

Outro dos trazos característicos é a presenza do espiráculo (burato para o intercambio de gases) na parte dorsal do seu corpo, o que lles permite respirar con máis eficacia durante a natación superficial. Os devanceiros dos cetáceos actuais tiñan estes buratos na parte dianteira das cabezas, coma nós, e a súa posición foi mudando cara atrás para adaptarse á vida mariña. De feito, durante as primeiras etapas do desenvolvemento, os embrións de cetáceos teñen orificios nasais nos fociños e a medida que medran, desprázanse á súa posición final. 

Un novo cambio para facilitar a natación prodúcese nas vértebras cervicais. Estas reducíronse de tamaño e fusionáronse para manterse ríxidas. Deste xeito, os cetáceos poden manter unha posición máis hidrodinámica da cabeza sen apenas esforzo muscular. 

Dado que tiveron que integrar os xenitais masculinos dentro do seu corpo para ser máis hidrodinámicos, os machos necesitan unha outra adaptación máis importante. A temperatura corporal dos cetáceos está ao redor dos 37ºC e o esperma, moi sensible ás súas variacións, require unha temperatura algo máis baixa (é por isto, que nos outros mamíferos, normalmente localízanse no exterior do corpo). Isto resólvese cun sistema de "refrixeración testicular": parte do sangue é arrefriado na aleta caudal, dado que non ten illamento térmico, e é transportada repetidamente á zona dos testículos para mantelos a unha temperatura inferior á da resto do corpo. 

As rías galegas polas súas características en termos de situación xeográfica, temperatura da auga e abundancia de vida grazas aos afloramentos costeiros, son lugares favorables para a presenza dalgúns tipos de cetáceo. De feito, nos últimos anos houbo un gran número de avistamentos e, por desgraza, tamén de varadas (en 2018 rexistráronse 350 varadas en Galicia). 
Hai dúas grandes organizacións dedicadas ao estudo e conservación dos mamíferos mariños, que reflicten a importancia das augas galegas na vida destes grandes visitantes: 

http://www.cemma.org/

https://thebdri.com/es/index.html

Segundo un estudo de OCEANA de abril de 2009, en toda a área galaico-cantábrica podemos considerar como especies comúns aos arroaces, golfiños comúns, golfiños riscados, caldeiróns comúns e toniñas. Hai outras 6 especies relativamente frecuentes en zonas afastadas da costa, como a balea ou rorcual común, o rorcual ou balea de aleta branca, o cachalote, o zifio caldeirón, o zifio común e o caldeirón cinsento ou arroaz boto. 
Despois teríamos outras especies que poderían aparecer de xeito puntual como a balea azul, o rorcual boreal, o xibardo ou balea xibardo, o zifio de Sowerby, a candorca e o golfiño de cara branca

https://eu.oceana.org/sites/default/files/reports/Cetaceos_area_galaico_cantabrica.pdf

ODONTOCETOS (CETÁCEOS CON DENTES)

Os odontocetos inclúen aqueles cetáceos provistos de dentes, xeralmente con fociño e cabeza avultada para acoller o melón, un órgano que usan para emitir sons e así empregar a ecolocalización. Outra característica deste grupo é que só teñen un espiráculo ou orificio dorsal para respirar. Son odontocetos os golfiños, cachalotes, zifios caldeiróns, narvais, balugas, toniñas e candorcas.

ARROAZ escaneo.jpg

O arroaz, coñecido en castelán como delfín mular ou de botella, é un habitual na nosa ría. Independentemente da época do ano, é fácil atopalo nadando en grupos de entre 10 e 30 individuos. De feito, as Rías Baixas acollen unha das máis numerosas poboacións "residentes" destes golfiños na península, con todo, ben caracterizada polo seu gran dinamismo e mobilidade. Parecen seguir unha estratexia social de "fisión-fusión", na que os pequenos grupos fórmanse, mudan e se separan en intervalo curtos de tempo (ás veces horas). 

Normalmente diferéncianse dúas variantes deste golfiño, unha que vive en alta mar formando grupos moi grandes, que emigra á costa na primavera en busca de alimento e regresa a zonas afastadas durante o outono (estes exemplares de alta mar teñen un corpo groso) e, por outra banda, existe a variante costeira máis delgada, que busca zonas próximas á terra para establecerse. 
O arroaz costeiro da nosa ría distínguese por ter un fociño lixeiramente máis curto que outras especies cunha dobra ben diferenciada entre este e a cabeza, así como unha gran aleta dorsal en forma de fouce.

 

O seu corpo é esvelto e robusto, coa cabeza ancha e longas aletas. A diferenza doutras especies, o dorso é de cor escura, moi uniforme aínda que se fai máis lixeiro nos lados,  rematando nun ton máis branco pola zona ventral. É máis grande ca outras especies e pode medir máis de 3 m de lonxitude, sendo as femias algo máis pequenas e delgadas. 
Viven arredor dos 35 anos e a súa dieta é moi variada, mudando segundo o lugar onde se atopan. Normalmente comen diferentes tipos de peixes, cefalópodos e crustáceos como os camaróns. Parece que nas nosas augas algunhas das súas presas favoritas son a pescada e o lirio. 

A miúdo viven preto das costas, o motivo principal da súa incursión na ría é a busca de alimento mais tamén proporciónalles un lugar protexido onde parir e coidar as súas crías. Xeralmente viven en grupos que normalmente integran a femia coas súas crías e algún macho novo dominante. Parece que o tamaño e a composición do grupo poden variar notablemente en pouco tempo. Forman grupos moi dinámicos. Ás veces atópanse exemplares solitarios, normalmente machos adultos, que sorprendentemente buscan o contacto cos humanos e os barcos ao tempo que son moi receptivos aos contactos. En Galicia experimentamos un exemplo deste comportamento co coñecido golfiño Gaspar. 

Son coñecidos polos seus comportamentos sociais e cooperativos, así como pola distribución das tarefas asignadas para realizar diferentes actividades. As femias son responsables de alimentar e coidar ás crías, semellante ao que fan as mandas de leóns. Cazan en grupos, rodean e comprimen os bancos de presas cara á superficie ou o fondo para que non teñan saída e así resulte máis doado capturalos. 

Son moi activos na superficie, asomando e saltando frecuentemente, especialmente as crías. Ás veces achéganse moi preto da costa e dos barcos, e non é estraño velos nadando, "xogando" e saltando diante de grandes barcos aproveitando a súa onda de proa.

Como en case todos os animais mariños, é difícil estimar as variacións que poden sufrir as poboacións ao longo do tempo, dado que non hai rexistros que documenten a situación en cifras nas últimas décadas. Varios estudos e indicadores indirectos apuntan a unha diminución notable das poboacións de cetáceos en xeral e en particular do arroaz. As súas principais ameazas son as capturas accidentais e a contaminación, tanto por lixo, como a química e acústica. A pesar disto, o seu estado de conservación global na UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) mantense como "preocupación menor". A nivel nacional e autonómico adiantouse algo e tanto o arroaz como a toniña están incluídos na categoría vulnerable segundo o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. 

O golfiño común tamén pode facer incursións na ría, aínda que é máis común que se mova por fóra. 

 

É algo máis pequeno que o arroaz, con 2 m. de longo aproximadamente, ten un fociño longo e mostra un padrón de cores particular. Ten o dorso de cor gris escura, tonalidade que forma un pico cara á zona ventral. A zona lateral do corpo ten un debuxo de reloxo de area lonxitudinal, no que a parte anterior é amarelada, mentres que a parte posterior é gris clara. A parte ventral é branca. Tamén mostra unha característica liña escura que une o fociño e os ollos
A aleta dorsal é gris escura e adoita ter unha mancha interna máis clara. 

Son moi gregarios, podendo formar grupos de centos de exemplares, especialmente para traballar en equipo na captura de presas. Cazan de forma cooperativa, "empurrando" os bancos de presas á superficie para logo mergullar debaixo e cargar contra eles. Aliméntanse principalmente de peixes que viven en grandes bancos como o xurelos e a xarda, tamén de cefalópodos. 

Agás a caza, a migración ou o apareamento, os grupos destes golfiños adoitan dividirse por sexos, quedando as femias coas crías e exemplares inmaturos nun grupo e os machos adultos noutro. 

Son nadadores rápidos e moi curiosos, non dubidan en achegarse a embarcacións ou mergulladores, mesmo interrompendo para iso outras actividades como a caza. Os seus chíos poden escoitarse dende a superficie, acostumando a facer grandes saltos e acrobacias. 
 

O terceiro golfiño que se pode ver na ría é o riscado, aínda que, como o delfín común, non é habitual que se achegue tan preto da costa e parece que é máis común atopalo na costa cantábrica que na costa atlántica.

Mide pouco máis de 2 metros de lonxitude e tamén ten típicas liñas escuras, unha que vai dende o fociño ata a zona da cola, percorrendo lonxitudinalmente o seu corpo e pasando polos ollos, e outra que comeza nos ollos e vai ata a aleta pectoral. A parte dorsal é de cor gris escura, ás veces de aspecto azulado, con franxas dun gris máis clariño nos lados que forman un pico ascendente á altura da aleta dorsal. A zona ventral é branca ou rosada.

Tamén son gregarios e forman grupos numerosos, de centos de individuos, que inclúen exemplares de ambos os sexos e diferentes idades, e mesmo están asociados en grupos con outras especies de cetáceos coma os golfiños comúns. 

Son coñecidos polos seus xiros e acrobacias saltando sobre o mar, podendo saltar ata 7 metros de altura. Non obstante, non adoitan achegarse á costa e a súa distribución é oceánica.
 

 

Tamén coñecidos como baleas piloto, son máis grandes que os golfiños entre 4 e 6 m. (as poboacións do Atlántico norte parecen medrar ata un metro máis de media que a poboación do hemisferio sur). Frecuentan as augas temperadas a frías (evitando os trópicos, por iso a distribución fragmentada norte e sur) e é bastante común velos no mar Cantábrico.
 
Caracterízanse polas súas aletas pectorais alongadas e curvas, unha aleta dorsal curvada cara atrás e por ter un corpo alongado pero robusto. O seu fociño é moi curto, apenas visible e ten un melón moi voluminoso (nos exemplares máis vellos chega a sobresaír do fociño). Este vulto característico, a pesar do que poida parecer, resulta moi hidrodinámico. 
Hai diferenzas entre femias e machos (dimorfismo sexual), os machos son algo máis grandes, coas aletas dorsais máis longas, carnosas e máis curvadas cara atrás. 

A coloración do corpo adoita ser de cor gris escura, aínda que ás veces teñen tons uniformes que van do marrón ao negro. Na parte ventral amosan unha estreita franxa lonxitudinal branca, que traza unha forma de áncora na zona pectoral. 
Tamén son gregarios, chegando a formar grupos de centos de exemplares para cazar ou migrar, e son bos mergulladores, xa que baixan ata os 600 m en busca de cefalópodos, o seu alimento favorito.
Cando se desprazan en grandes grupos, pasan moi preto uns dos outros, saen a respirar ao unísono e seguen a un líder, a chamada "balea piloto", que guía o grupo. En troques adoitan dispersarse para comer. A esperanza de vida varía moito segundo o sexo, tendo as femias unha vida máis longa. 

Aínda que non escapa da presenza humana, non é especialmente curioso e apenas asoma a cabeza para respirar, o cal dificulta os avistamentos.
 

É a especie máis pequena que podemos atopar nas nosas augas, ata un máximo de 2 m, aínda que, polo xeral, son máis pequenas. Neste caso, as femias teñen maior tamaño. 
Están acostumadas a vivir en zonas costeiras formando pequenos grupos de entre 5 e 10 exemplares, raramente máis de 20. Aínda que non é fácil velos, xa que están seriamente ameazadas e as súas poboacións son escasas.

 

Teñen a cabeza de forma roma, sen o típico fociño de golfiños. 
A aleta dorsal está situada no medio do corpo e nalgúns exemplares presenta protuberancias dérmicas no bordo dianteiro que lle dan un aspecto serrado. As aletas son xeralmente pequenas e escuras
Dorso de cor gris escura que se aclara nas zonas laterais, especialmente pola parte central. Pode ter pequenas manchas brancas na zona arredor dos ollos. A parte ventral é branca. Tamén amosan unha liña característica que conecta a comisura da boca coas aletas pectorais

Viven soas, en parella ou en pequenos grupos duns 5 individuos e normalmente non se afastan a máis de 10 km da costa. Aliméntanse de peixes pequenos e a súa dieta adáptase ás condicións do lugar onde viven, polo que adoitan consumir especies presentes a pouca profundidade. É unha especie costeira que na península se distribúe principalmente en Galicia e Portugal. En Galicia parece que a súa presa principal son os xurelos, as fanecas e os bolos. 

A situación da toniña é moi preocupante, tanto que non son poucos os que auguran a súa extinción, quizais en poucos anos. A pesar dos estudos e recomendacións dos biólogos ao respecto, a resposta segue a ser a inacción. Estímase que a poboación actual consta de menos de 300 exemplares e a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) segue a clasificar esta especie como de "preocupación menor". 
 

MISTICETOS (CETÁCEOS CON BARBAS)

Por outra banda temos os misticetos, que inclúen todas as baleas que no canto de ter dentes teñen barbas de filtrado (fíos de queratina que penduran da mandíbula superior formando unha densa capa a xeito de cepillo). Tamén teñen dous espiráculos, o que fai que formen chorros en forma de V cando botan o vapor de auga. Normalmente son grandes migrantes, teñen a boca moi ancha e a aleta dorsal situada nunha posición moi atrasada. Pertencen a este grupo o xibardo, a balea franca, a balea azul e o rorcual común. 

Coas baleas entramos nos pesos pesados do océano. A balea de aleta branca, sendo unha das especies máis pequenas, alcanza máximos duns 10 metros, sendo as femias algo máis grandes que os machos. 

Teñen o corpo estilizado e a cabeza apuntada, en forma de V. A parte dorsal é de cor gris escura e a parte ventral branca. As súas barbas son de cor branca ou amarelenta. O nome vén da súa característica mancha branca nas aletas pectorais. Normalmente non adoitan presentar protuberancias nin organismos unidos á súa pel. De maneira habitual viven solitarias ou en pequenos grupos de 2 ou 3, e machos e femias migran por separado. 
Aliméntanse de krill e peixes como o arenque e o bacallau. 

De cando en vez hai incursións dalgunha balea dentro da ría, a última foi precisamente unha balea de aleta branca, avistouse en 2016 á altura de Rande, mais son eventos illados. 
É nas augas exteriores onde estes encontros poden producirse con máis frecuencia, xa que é unha zona de tránsito para as súas migracións norte-sur. Durante o verán é cando se atreven a achegarse máis ás costas. 

 

As femias tamén son máis grandes no rorcual común, pero nesta especie acadan os 19 metros (rexistrándose tamaños aínda maiores) cun corpo moi longo e esvelto. 
A aleta dorsal está situada nunha posición moi atrasada. O dorso é de cor gris escura e a parte ventral branca. É común que presenten unha mancha gris máis clara baixo a boca no lado dereito
As súas barbas son de cor gris escura, agás a parte dianteira, que ten unha tonalidade amarelenta. 

Non adoitan mostrarse demasiado fóra da auga, pero dentro dela é unha das especies máis rápidas, chega a case 40 km/h e pódese mergullar durante 10 minutos. É habitual que a pel teña marcas de lampreas ou rémoras, así como algúns organismos unidos.

Viven en pequenos grupos de 2 ou 3 exemplares ou solitarias, e tenden a mostrarse indiferentes ante a presenza humana. Son grandes migrantes e cando aparecen polas costas galegas é de paso, sendo máis frecuente en augas profundas. Non obstante, isto será cada vez máis difícil se continúan sendo unha especie en perigo de extinción. A maioría dos avistamentos ocorren en primavera e verán, coincidindo coa súa época de alimentación. 

É o xigante dos mares, o animal máis grande que existe tanto hoxe como na historia do planeta, xa que alcanza tamaños de 25 - 30 m. As súas crías nacen con máis de 7 m de longo e teñen unha esperanza de vida duns 80 anos. 
O feito de que no mar se poidan desenvolver animais tan grandes débese á ingravidez que proporciona a auga. Fóra dela, as baleas morrerían esmagadas polo seu propio peso, pero flotando no líquido elemento sen as limitacións impostas pola lei da gravidade na terra, os peixes e cetáceos poden medrar sen límites. 

A parte dorsal é agrisada cun xaspeado azul que baixo a auga se torna azul intenso, coa parte ventral tirando a branca. Ás veces a súa coloración pode ser amarelenta ou marrón, pero isto débese a pequenas algas que proliferan crecendo na súa pel. 
A cabeza, vista dende arriba, é redondeada, en forma de U, e o chorro producido ao respirar a través dos espiráculos pode alcanzar os 10 metros de altura. 

Normalmente vive soa ou en pequenos grupos, ás veces asociándose tamén con rorcuais comúns. Basicamente aliméntase de krill. 
Hai tres subespecies de baleas azuis, todas migrantes, unha delas habita no Atlántico norte (Balaenoptera musculus musculus), a que en ocasións se pode ver relativamente preto das nosas costas. Mais son especies ameazadas, especialmente polo tráfico marítimo. 

 

Rorcual e balea pódense usar para calquera especie de cetáceo que pertenza ao xénero Balaenoptera, a familia máis abundante e diversa de cetáceos misticetos. Distínguense doutros tipos porque teñen a parte dianteira ventral cuberta por moitos pregamentos e sucos. Estes están relacionados coa alimentación destes mamíferos, xa que lles permiten estirar a boca notablemente para tragar máis auga, que despois expulsarán polas barbas, deixando só o alimento filtrado no seu interior. Estes sucos varían en número e tamaño segundo a especie.

Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.

imageedit_1_9771102722.png
bottom of page