PECIO IVY

Este punto da costa sur da ría está situado preto das illas Estelas, aínda que a menos profundidade que o Achondo. Os restos do Ivy, que resultan difíciles de imaxinar como partes do que era un barco, xacen ata os 17 metros. e aínda conservan algunhas das cadernas e pedazos dunha das bodegas, cos que hai que ter coidado, están completamente enferruxados e non é difícil raspar se non medimos ben. O que está en mellores condicións é a carga de mineral de ferro que transportaba, que está espallada polos restos do barco e que é un bo recurso se quedas curta de lastre.


O Ivy era un buque mercante con bandeira de Liberia e máis de 200 m. de eslora. O 30 de xaneiro de 1976, no medio dun forte temporal nocturno, encallou nas illas Estelas e acabou partindo en dous. A proa afundiuse dando lugar aos restos que agora se visitan na inmersión. A popa foi desartellada e levada a terra. Catro dos seus tripulantes perderon a vida nese naufraxio.

A pesar de ter soportado o paso duns cantos invernos coas súas tempestades, os restos que aínda quedan son moi interesantes para visitar, xa que acollen unha considerable cantidade de vida. Agocho para congros, grandes crustáceos e polbos, os recunchos dos metais retorcidos deparan moitas sorpresas e moitas, moitas fanecas. En contraste con eses grandes visitantes, é frecuente atopar tamén nudibranquios e planarias de diferentes tipos, xa que se alimentan da gran cantidade de briozoos e ascidias que cobren as chapas.

Un aspecto rechamante deste naufraxio é o contraste entre as tonalidades do metal enferruxado e as abundantes actinias brancas que tapizan algúns dos cantos do barco. Tamén a mestura de cores de toda a vida que está incrustada no mineral de ferro, especialmente as algas vermellas calcificadas que cobren enormes extensións coas súas tonalidades de rosa. Nesta zona de mineral abundan os peixes de fondo coma os típicos demos ou os lorchos cornudos.

Vagando sobre os restos atoparemos sobre todo abadexos e todo tipo de lábridos, desde grandes pintos e maragotas a xulias, pasando farros e serráns. Non faltan nin os pequenos e hiperactivos lorchiños nin os tapaconas tentando pasar desapercibidos entre a ferruxe das pranchas.
 

as nosas fotos

MÁNDANOS as túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases neste lugar e AS INCLUIREMOS 

as VosAs

Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS