OS ZENOIROS

Extenso fondo rochoso que se estende entre os 14 e os 18 m de profundidade nas proximidades das bateas. É unha das inmersións máis interesantes e completas da ría pola abundancia de vida e as diferentes paisaxes que se despregan nos seus fondos.

Vastas poboacións de gorgonia morada e laminarias cobren as rochas xunto ás esponxas, especialmente amarelas, e anemones. Ao seu redor nadan as grandes maragotas, pintos, sargos, abadexos e serráns. Tamén son comúns as congregacións de pequenos farros dispostos a realizar as súas tarefas de limpeza noutros peixes máis grandes. 
Non faltan os congros, os demos e as fanecas nos ocos das rochas. Cerca roldan polbos e chocos, centolas e nécoras. É un lugar moi bo para tropezar con melgachos e raias riscadas que repousan entre as algas polo día.

A zona areosa que rodea as rochas é igualmente interesante. Nela medran os 

Veretillum cynomorium, coñecidos como cenoiros, que lle dan o nome ao lugar. Fermosos corais brandos alaranxados que se asentan na area para expandir os seus grandes pólipos transparentes na corrente. Vastos "campos de cenoiros" espállanse, rodeados de alfombras de ofiuras negras, que a miúdo gardan tamén nestes fondos melgachos e raias.

Se o que buscamos é vida máis miúda, a abundancia de gorgonias e laminarias favorece atopar pequenos nudibranquios, planarias e gasterópodos.
 

as nosas fotos

MÁNDANOS as túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases neste lugar e AS INCLUIREMOS 

as VosAs

Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o su uso non autorizado.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS