bichos raros... pero isto que é?

Aínda que no mar todo é raro nun principio, conforme vas mergullando acostúmaste a formas de vida peculiares que, a pesar de ser grandes descoñecidas, son abondosas. Mais, cando crías que xa o viras todo, de súpeto, durante unha inmersión o nun paseo pola praia descobres algo novo que te desnorta. Nesta sección facémoslle un oco a eses achados sorprendentes que topamos e que nos abraian cando descubrimos o que son.

Se a ti tamén te pasou e apetéceche compartilo para que o poñamos aquí, mándanos as imaxes e cóntanos o teu descubrimento : 13gradosvigo@gmail.com

pezuño de gato?

Cando dimos con este curioso animal paseando pola praia, chamounos moitísimo a atención, xa que nunca víramos nada parecido. Era duro, como unha cuncha con forma de pata de gato. Investigando un poco, descubrimos que era un tipo de molusco, a zoca ou lapa zapatilla  (Crepidula fornicata), pero o que atopáramos non era unha soa lapa, senón varias aferradas entre si. Ao parecer, o habitual é encontralas así, formando cadeas que van da lapa máis grande na base ás máis pequenas, orixinando estas caprichosas formas. A zoca máis grande é unha femia e a ela se van apegando as zocas macho (máis pequenas) que, ao medrar, transformanse en femias e outros machos pequenos volven a apegarse sobre elas creando esta cadea.

A praia é un lugar fantástico para ver diferentes formas de vida mariña que viven entre dous mundos segundo suba o baixe a marea, pero tamén para achar pequenos tesouros como este, que chegan á orela orilla arrastrados pola corriente.

flor mariña?

Tamén foi unha sorpresa atopar esta pequena flor laranxa. Nunca a encontráramos antes e nesa inmersión vimos dúas, unha enganchada nas algas e outra na zostera. Lembrounos ás anemones, aínda que con poucos tentáculos e un xeito estraño de aferrarse, así que tomamos fotos para buscar o que era na casa. Pois ben, resultou ser familiar das anemones, xa que tamén pertence aos cnidarios, pero tratábase dunha augamar!, pero non dunha augamar calquera que vaga na corriente, era a augamar caleidoscopio (Halyclistus auricula). Esta medusa ten un talo na parte oposta aos oito tentáculos que lle permite suxeitarse ao sustrato o ás algas e soltarse para cambiar de lugar cando aquel no que esta non é favorable para capturar o zooplancto e os pequenos peixes dos que se alimenta. Quizais o motivo de que non a miráramos antes é que desaparecen durante longos periodos de tempo.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS