PUNTA MUXIEIRO - IlLAS CÍES

Baixo rochoso entre 5 e 12 m. que se estende fronte ao saliente do mesmo nome na zona interna da illa norte das Cíes. É unha ringleira de grandes rochas que alternan con claros de area, nos que podemos atopar moita vida e cor.
O fondo rochoso está tapizado por abundante "vexetación", moitas algas verdes, entre as que destacan os ramallos e as leitugas de mar, xunto coas algas pardas. Acompañándoas tamén aparecen as esponxas amarelas e as gorgonias moradas. Tamén é posible atopar grandes espirógrafos.

Por riba de nós nadarán bancos de sargos e bogas e, máis preto do fondo, abundan as maragotas, pintos de gran tamaño, taberneiros, farros, xulias, serráns e multitude de lorchiños. No verán tamén se engadirá o peixe porco.

O máis característico deste punto son as grandes rochas que se elevan unhas sobre as outras formando illotes somerxidos cheos de vida. Nos buratos destas viven peixes de fondo como o demo ou o lorcho cornudo e crustáceos (especialmente nécoras, centolas e galateas). Tamén é alí onde podemos atopar congros, algúns de gran tamaño e multitude de fanecas. Debemos resaltar unha grande rocha illada no norte que está cuberta de esponxas de cores, multitude de anémonas xoia, ascidias, gorgonias moradas e briozoos. Nos seus entrantes e saíntes, tamén alberga multitude de peixes, desde tapaconas ata crías de peixe escorpión.

A zona de area é axeitada para a procura de chocos, polbos, melgachos e raias riscadas. É un punto de grande beleza, como todos os que adoitamos atopar nas Illas Cíes.
 

as nosas fotos

MÁNDANOS as túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases neste lugar e AS INCLUIREMOS 

as VosAs

Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS