IlLAS CÍES - ISLOTE VIÑOS

É un dos lugares de mergullo máis populares e espectaculares da ría pola súa enorme biodiversidade e grande beleza. Viños é un pequeno illote rochoso, na cara interior das Illas Cíes, situado fronte á parte sur da illa central. Normalmente visítase a cara leste do illote, aínda que tamén son interesantes as partes do sur e a occidental. Esta cara leste ten tres zonas sucesivas moi diferentes entre si, o que é como facer tres mergullos dunha vez.

Se comezamos o percorrido de norte a sur, o primeiro que atopamos son extensos campos de anémonas comúns e algas (especialmente verdes, como ramallos e leitugas do mar, pero tamén vermellas, dominando as chamadas algas arpón) que cobren as rochas. Son frecuentes os bancos de grandes sargos, chaparellas, bogas e muxes que vagan caoticamente pola parte máis superficial, mentres que as maragotas, serráns,e taberneiros achéganse ás rochas e ao fondo. A vida nas rochas é tan abundante que a pedra apenas se ve. Esponxas, briozoos, anémonas, corais e ascidias comparten espazo cos polbos e os peixes de fondo agochados.

Continuando cara ao sur, despois da zona de anémonas, chega unha zona intermedia na que as rochas están algo máis espidas e forman ocos máis grandes, favorecendo a presenza de máis polbos, pero tamén de congros, centolas, nécoras e grandes pintos. Nesta parte fórmanse fermosas composicións de cores con gorgonias moradas que medran xunto con esponxas amarelas e mans de morto laranxas. Nadando abundan os enxames de lorchiños e os grandes bancos de sargos. As maragotas aínda están moi presentes, ás que hai que engadir, especialmente no verán, a máis que posible presenza do peixe porco.

A parte máis ao sur ten as rochas máis dispersas e caídas e presenta unha grande cantidade de algas, especialmente ramallos de mar. Entre elas están os espirógrafos deixándose levar pola corrente, acompañados de maragotas e polbos. Tampouco é estraño atopar nas fendas algún congro e nécoras. Na area, con sorte, poden aparecer raias riscadas e tampouco é raro ver os salmonetes de rocha procurando comida, sempre rodeados de sargos e pargos oportunistas.
 

as nosas fotos

MÁNDANOS as túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases neste lugar e AS INCLUIREMOS 

as VosAs

Todas as fotografías, textos e vídeos pertenecen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS