a borneira
Zona de mergullo xunto ao faro do mesmo nome, que ten varias localizacións para as inmersións. Debido a uns montículos rochosos que case chegan á superficie (dos que o faro advirte) foi un lugar de numerosos accidentes e naufraxios. Hai moitos restos de barcos que están espallados polos seus fondos, sendo os máis coñecidos os do Southern Cross. Este transatlántico de máis de 100 m de eslora afundiuse a principios do século XX, cando viña de facer escala na ría antes de marchar cara a Bos Aires. Coa mala sorte que aquel día, cunha forte tormenta, o faro estaba apagado porque o torreiro non puido acceder a el para acendelo. Para coñecer mellor toda a historia, recomendamos o capítulo 5 da serie documental da TVG "Buscadores de naufraxios".
Outro achado interesante que se pode visitar na zona é a maior concentración de canóns de Galicia. Hai ata 18, cada un de máis de dous metros e medio de lonxitude, máis ou menos agrupados na zona. Estes son os canóns dunha antiga fragata francesa (do século XVIII) que se afundiu na zona do faro de A Borneira cando intentou refuxiarse na ría escapando da flota inglesa.
Alén destes restos, xa integrados na paisaxe, hai tamén zonas rochosas moi atractivas para o mergullo. A vida miúda abunda en forma de nudibranquios e pequenas ascidias, así como a de maior tamaño, representada principalmente por polbos e maragotas. A finais da primavera, as laminarias e outras algas pardas esténdense como alfombras que cobren os fondos xunto coas grandes gorgonias que decoran as rochas. Noutras épocas do ano, só permanecen en pé, abaneados pola corrente, os estipes (talos) das laminarias e os espirógrafos que medran entre eles, podendo apreciar mellor os restos que se estenden por toda a zona e a cor de toda a vida que se asenta nas súas rochas.
A BORNEIRA
as nosas fotos
MÁNDANOS as túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases neste lugar e AS INCLUIREMOS
as VosAs
Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.