BATEAs

Clásico punto de mergullo na ría, fronte a Punta Corveiro, que oscila entre os 20 m. no fondo e os 12 metros na parte superior do baixo rochoso.
As bateas son plataformas flotantes de madeira en forma de grella que están ancoradas ao fondo por grandes cadeas e mortos de pedra. Destas plataformas colgan as cordas paralelas con semente de mexillón para facelo engordar e poder recollelo despois. Así, a primeira atracción é que tanto o descenso ao comezo do mergullo como o ascenso normalmente son realizados por unha das columnas externas de mexillón, o cal é bastante espectacular pola cantidade de vida miúda que teñen adherida.


O mergullo baixo estas estruturas é unha das inmersións máis interesantes e espectaculares. Se a visibilidade acompaña, podes ver como os raios do sol atravesan as columnas de mexillón e bancos de peixes nadan ao seu redor.
Debaixo das bateas, hai unha alfombra composta polos restos de mexillón que se acumulan e que serven de alimento e acolleito para un moitos animais: estrelamares, ofiuras, crinoideos, carallotes ou vermes. Mentres "sobrevoamos" esta paisaxe paga a pena virar e mirar cara arriba para ver como se estende a contraluz o contorno da batea.

Nos arredores desta alfombra xorden baixos de rochas cunha vida abundante. É común atopar polbo, choco, nécoras, congros, melgachos ou raias mosaico. 


Os peixes que nos acompañarán ao nadar serán principalmente sargos, farros, taberneiros, fanecas e maragotas, aínda que, se buscamos, atoparemos lorchos  entre as rochas. 
Non faltan os fermosos e típicos invertebrados sésiles da ría como as gorgonias, as anémonas, esponxas ou mans de morto. En definitiva, imperdible.

 

as nosas fotos

MÁNDANOS as Túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases nESTE lugar e AS INCLUIREMOS 

as VosAs

Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS