faro dinamitado - cabo de mar

É un punto de mergullo moi preto do faro verde de Tofiño, na zona de Cabo de Mar, que alcanza uns 10 m. ao pé dos restos dun antigo faro.
É un baixo rochoso que descende de xeito máis pronunciado cara ao norte e máis gradualmente cara ao sur. O fondo areoso que o rodea é un bo lugar para ver raias riscadas e  melgachos. Nesta parte da area son típicas as extensións de 
maerl
formando anchos "parches".

A parte rochosa está completamente cuberta de laminarias durante o verán, polo que é difícil atopar congros, centolas ou nudibranquios nas fendas. A cambio, é o tempo no que podes atopar chocos e polbos camuflándose entre as láminas destas grandes algas pardas ou contemplar os niños de serráns custodiados polos machos.

Son comúns os peixes como as maragotas taberneiros e farros. Tamén os enxames de pequenos lorchiños e outros peixes de fondo que procuran agocharse nos ocos, como tapaconas, demos, momas ou lorchos cornudos.
Espirógrafos e gorgonias moradas acompañan a miúdo ás laminarias nas rochas.

Durante o outono e o inverno a densidade das laminarias diminúe e pódese apreciar mellor a grande variedade de esponxas, ascidias e anémonas que cobren as rochas. Neste momento é relativamente doado atopar distintos tipos de nudibranquios.


Os restos do antigo faro están completamente cubertos de mexillóns e anémonas actinia, o que o converte nun lugar ideal para observar estrelamares e pequenos peixes e vermes que se agochan entre as cunchas destes mexillóns.
 

as nosas fotos

MÁNDANOS as túas fotos CON ALGO INTERESANTE QUE fotografases neste lugar e AS INCLUIREMOS 

as VosAs

Todas as fotografías, textos e vídeos pertencen ás autoras e están protexidos pola Ley de Propiedade Intelectual. Non se permite o seu uso non autorizado.

CONTACTA CON NOSOUTRAS 

  • White Facebook Icon
  • White Instagram Icon

13 GRADOS sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro 

© 2020  -   13 GRADOS